Filgueira Valverde, Xosé, 1906-1996

Imaxe do autor Filgueira Valverde, Xosé

Xosé Fernando Filgueira Valverde (Pontevedra 1906-1996)

Sendo estudante en Pontevedra, desde os 13 anos, asiste ás xuntanzas de Losada Diéguez, Castelao e Casto Sampedro e ás de Pérez Costanti e Cotarelo, en Compostela, apaixonándose polo traballo de campo en equipo e interdisciplinar. De contado comeza a investigar e publicar e, antes dos 19, anos xa é correspondente da RAG.

Acada a Licenciatura en Historia en 1927 (Zaragoza) e en 1928 (Santiago) a Licenciatura en Dereito con Premio Extraordinario; en 1935 (Madrid); o doutoramento en Lingua e Literatura Galego-Portuguesa coa tese "La Cantiga CIII: noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval". Tamén no 1935, aproba a Cátedra de Instituto de Lingua e Literatura Española. Catedrático en Lugo primeiro e dende 1939 en Pontevedra (director entre 1946-1976).

Participa na creación, en 1923, do Seminario de Estudos Galegos; en 1927, do Museo de Pontevedra (director entre 1940-1986); en 1944, do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (presidente en 1972); en 1948, da pioneira Editorial Bibliófilos Gallegos; do Consello da Cultura Galega (presidente dende 1990); na recreación, con Díaz Pardo, do Seminario de Estudos Galegos (1978); na orientación cultural da Fundación Barrié.

Colabora (1936-1957) na elaboración de "O Gaiteiro de Lugo", folleto que fai monolingüe galego (chegáronse a vender 50.000 exemplares). Ordena e edita o "Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro" (1942) e o "Inventario de la riqueza monumental y Artística de Galicia"; intervén na edición do "Cancioneiro de Bal y Gay"; e impulsa a primeira tradución da "Biblia" ó galego.

Investigador, escritor e xestor cultural, Filgueira (membro dunha ducia de Academias galegas, españolas e estranxeiras), contribuíu á comprensión do que foi, é e pode ser Galicia.
 

Grafo social

Artigos

Ver máis