Créditos

O proxecto revistanos.galiciana.gal non sería posible sen a existencia de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia. Tanto as imaxes como os datos procedentes deste repositorio, posto en marcha pola Xunta de Galicia hai máis de 10 anos, son a fonte da que bebe este novo portal que pretende mostrar o universo da revista Nós dunha forma máis amable, sinxela, práctica e intuitiva. 

A Biblioteca de Galicia, dependente da Secretaría Xeral de Cultura, é a institución responsable de xestionar e fomentar Galiciana-BDG. Desde os seus inicios, o obxectivo de Galiciana foi  transformar a dixital os fondos bibliográficos máis relevantes para Galicia, facilitando a súa consulta aberta e universal.

Galiciana-BDG integra, ademais de fondos propios da Biblioteca de Galicia, obras dixitalizadas en colaboración coas principais bibliotecas patrimoniais galegas. Nestes momentos dá acceso a máis de dous millóns de páxinas dixitalizadas.

O nivel de desenvolvemento que ten actualmente Galiciana-BDG non tería sido posible sen a estreita cooperación entre a Secretaría Xeral de Cultura e a Axencia para a Modernización Tecnolóxixa de Galicia (AMTEGA). Desde o ano 2017 ambos departamentos da Xunta de Galicia lideran a estratexia da Memoria Dixital de Galicia (MDG), iniciativa para crear un modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural galego baseado nas TIC, que garanta a súa preservación, difusión e a accesibilidade desde calquera lugar do mundo. 

Coa posta en marcha da Memoria Dixital de Galicia preténdense cubrir os seguintes obxectivos:

  • facilitar o acceso ao patrimonio cultural galego desde calquera lugar, en calquera momento e con calquera dispositivo.
  • incrementar a visibilidade da cultura galega, incluíndo materiais con menor proxección na sociedade.
  • favorecer a aparición de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultural.
  • colaborar coa sociedade galega e con todas as institucións da memoria implicadas na xestión e conservación do patrimonio cultural galego.

O portal revistanos.galiciana.gal é unha mostra deses novos servizos e contidos que se queren impulsar deste a MDG. Tomando como referencia a información e as imaxes proporcionadas por Galiciana-BDG, créase esta nova web que presenta dunha forma innovadora e moi visual os datos de todas as persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus 15 anos de vida. O medio elixido para conseguilo foi representar o rico patrimonio  bibliográfico de Nós a través dun Grafo de Coñecemento interrogable que enlaza todos os colaboradores da revista cos contidos que xeraron, enriquecéndose ademais esas relacións con outros activos de coñecemento como a propia Galiciana, a Galipedia ou datosBNE.

Este novo servizo da MDG trata de facilitar aos usuarios a recuperación da información do universo de Nós dun xeito máis próximo e amigable aos seus intereses e intencións, alentándoos a desfrutar da súa visita ao portal durante máis tempo e invitándoos a que descubran datos e relacións dos autores de Nós que lles puidesen resultar descoñecidos.

O Grafo de Coñecemento no que se estruturaron os datos de Nós, e que se fai visual a través deste portal, permite que os usuarios se acheguen dun xeito relacionado a todos os intelectuais que colaboraron na revista, desde Castelao, a Cuevillas ou Vicente Risco, así como a todos os artigos e números que se publicaron. Todos estes datos están contextualizados a través dunha liña do tempo que inclúe os feitos históricos máis relevantes acaecidos en Galicia durante o período que vai desde 1845 a 1936.

A posta a disposición ao público deste rico conxunto de recursos e contidos que constitúen o patrimonio da revista Nós, non sería posible sen a cooperación doutras importantes institucións da memoria, como a Real Academia Galega ou a Biblioteca da Deputación de Ourense, depositaria dun dos dous únicos exemplares que se conservan do último número de Nós, publicado nos meses finais de 1935. Así mesmo, a colaboración individual, como a dos herdeiros de Xosé Conde Corbal, tamén foi un elemento determinante para enriquecer o proxecto. Continuar a traballar con outras institucións da memoria e coa sociedade civil é a vontade coa que se presenta este proxecto, xa que de seguro aínda queda moito universo de Nós por estruturar e descubrir.

Este novo modo de estar presente na Web a través dun Grafo de Coñecemento, fará posible que esa interacción necesaria entre usuarios e institucións sexa máis produtiva e tamén levará a promover un cambio de imaxe dos catálogos das bibliotecas como fonte de información en si mesmos, máis alá da súa percepción tradicional como lista de obras. En definitiva, o portal revistanos.galiciana.gal, que forma parte das actividades desenvolvidas no ámbito de actuación do Programa de Cooperación Interreg V A España – Portugal (POCTEP 2014-2020), integrado no proxecto 0358 GEOARPAD "Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal", pretende ser só un primeiro paso no camiño de transformar de maneira significativa os modos de produción e consumo dos materiais que representan o patrimonio bibliográfico e documental de Galicia, así como dos coñecementos que atesouran as súas institucións da memoria.