Blanco-Amor, Eduardo, 1897-1979

Imaxe do autor Blanco-Amor, Eduardo

Foi un escritor e xornalista galego en lingua galega e lingua castelá. Recibiu as influencias de Charles Baudelaire, Stéphane Mallarmé, Arthur Rimbaud e Gabriele d'Annunzio. Na Arxentina coñeceu a Jorge Luis Borges, Ernesto Sabato e Horacio Quiroga. Fundou Terra, voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires, dirixiu Céltiga e colaborou en Nós. De volta a España contactou coa Xeración do 27 e coñeceu a Federico García Lorca. Retornou á Arxentina. En 1972 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega e en 1993 foille adicado o Día das Letras Galegas.
En abril de 1919 emigrou a Buenos Aires para evitar ir á guerra do Rif. Alí continuou en contacto con intelectuais galegos da emigración. En 1923 fundou con Ramiro Isla Couto a revista Terra, en lingua galega. Máis adiante participou tamén noutra publicación galeguista chamada Céltiga, da que tamén será director. En 1925 entrou a formar parte do diario arxentino La Nación, onde coñeceu escritores arxentinos como Leopoldo Lugones, Jorge Luis Borges, Ernesto Sabato, Eduardo Mallea e o uruguaio Horacio Quiroga. Tamén colaborou con publicacións como Correo de Galicia e a Revista de la Casa de Galicia.
Fixo dúas viaxes a Galicia como correspondente do diario La Nación. Na primeira (1929-1931) coñeceu a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a varios intelectuais do Partido Galeguista e do grupo Nós. Dende Buenos Aires colaborou máis tarde coa revista Nós con varios poemas e tres capítulos da súa novela inconclusa A escadeira de Jacob. Na segunda viaxe (1933-1935) coñeceu en Madrid a Federico García Lorca (e outros membros da Xeración do 27 da literatura española) con quen tivo unha grande amizade. Foi Blanco Amor o responsable de convencer a Lorca para que publicase os "Seis poemas galegos".
En Buenos Aires fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego, que puxo en escena obras de Lugrís Freire, do propio Blanco Amor e doutros autores. Tamén foi director da revista Galicia, publicada pola Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales.

Retornou a Galicia o 16 de xaneiro de 1965, despois de publicar Os biosbardos (1962), e sen recibir o apoio que cría merecer.
Finou en Vigo, dunha trombose, o 1 de decembro de 1979.
Finou sen dar lectura ao discurso de ingreso que, segundo consta na documentación da Real Academia Galega.
A súa condición homosexual reflíctese en obras como "A esmorga" ou no volume "Ars amandi", compilación de poesía amatoria.
Amais da literatura, practicou a fotografía de xeito afeccionado, cunha cámara Voigtländer. As súas imaxes, máis de 3 000, permanecen sen clasificar no arquivo da biblioteca da Deputación de Ourense.
Galipedia

Grafo social

Artigos

por Blanco-Amor, Eduardo

Ano XII, T. IV (1930), n. 73 ; p. 1