Villar Ponte, Ramón, 1890-1953

Imaxe do autor Villar Ponte, Ramón

Ramón estudou o bacharelato por libre no Instituto de Lugo e superou o preparatorio de Filosofía e Letras en Compostela, onde participou de xeito destacado nunha campaña estudantil que rexeitaba a negativa dos académicos da Real Academia Española a aceptar o ingreso na Corporación da condesa de Pardo Bazán. Redimido «a metálico» do servizo militar, estudou Filosofía e Letras na Universidad Central en Madrid (1912 1916), tendo entre os seus profesores a Menéndez Pidal e a Asín Palacios. Nesta época, Ramón concibiu co seu irmán Antón a idea de crear unha asociación para loitar contra a marxinación e a estigmatización social do idioma galego, as futuras Irmandades da Fala.
Na etapa inicial das Irmandades, Ramón desempeña un papel importante como activo membro do seu Comité de Acción Galeguista e como organizador do propio grupo coruñés. En decembro de 1917, fai parte da delegación que se despraza a Cataluña para negociar unha alianza coa «Lliga» catalanista de Cambó de cara ás eleccións de febreiro de 1918. Intervén, ademais, en moitos mitins de espallamento e escribe asiduamente en A Nosa Terra, cunha liña ideolóxica moi firme, claramente rupturista co Rexionalismo e defensora da praxe monolingüe en todos os ámbitos.
Na súa etapa ferrolá, Ramón promove con Xaime Quintanilla e Nicolás García Pereira, entre outros, o grupo irmandiño local, colabora co seu voceiro de prensa, o Boletín Mensual da Irmandade da Fala do Ferrol, e faise accionista da revista cultural ourensá Nós, que promove Vicente Risco. Na editora Céltiga traballa como xerente e contribúe a poñer na rúa un total de quince volumes, entre os cales cómpre citar a peza Almas mortas do seu irmán Antón ou Un ollo de vidro de Castelao. Algunhas das súas colaboracións en A Nosa Terra nesta época preséntanse asinadas co pseudónimo Clodio Espasende e outras moitas son reproducidas polos xornais galaico-cubanos Terra Gallega, Heraldo de Galicia e Eco de Galicia.
Estivo presente e activo nas tres primeiras asembleas das Irmandades; na IV, a de Monforte (1922), adhírese ás teses de Risco e ingresa na Irmandade Nazonalista Galega (ING), e crea unha agrupación desta en Viveiro.
Durante a ditadura de Primo de Rivera, é dos poucos dirixentes da ING que dá mantido, en Viveiro, a continuidade dun grupo local nacionalista organizado, mais, dadas as limitacións para a acción política existentes, centra o seu traballo no labor xornalístico, enviando correspondencias de tema galego aos xornais madrileños El Sol e La Voz e colaborando asiduamente co Galicia de Paz-Andrade.
Ingresa, ademais, no Seminario de Estudos Galegos o 12 de febreiro de 1927 co traballo O sentimento nazonalista e o internazonalismo, que, lido na correspondente sesión por Xavier Prado en nome do autor, sería publicado logo durante o primeiro semestre de 1929, en catro entregas aínda que de xeito incompleto, nas páxinas de A Nosa Terra.
Unha vez proclamada a Segunda República, Ramón Villar Ponte é designado alcalde en abril por orde gobernativa e exerce como tal ata outubro de 1931. Nese tempo ten que padecer o «entrismo» no seu partido de elementos da «vella política» caciquil local (como é o caso do ex-alcalde José Santiago Seijo) e a hostilidade dos concelleiros e das organizacións socialistas, que entenden que o seu desempeño da alcaldía non responde axeitadamente ás demandas da clase obreira en diversos conflitos en que lle tocou facer de mediador. Esta dura experiencia política na alcaldía, unida ás súas fondas conviccións relixiosas, empúrrano a abandonar a ORGA, afiliarse ao Partido Galeguista (PG) a comezos de 1932.
Ramón trasladouse definitivamente en 1942 á Coruña, cidade exemplo obxecto de iras represoras físicas, das que se zafara ata ese momento. Ramón dá aulas, para sobrevivir, en varios colexios privados coruñeses (Dequidt, Josefinas...) e asiste ao faladoiro do bar Asturias para conversar con Juan Naya, Federico Zamora, Alfonso Tobío ou o pintor Abelenda. Na soidade do seu gabinete, alleo aos intentos de reorganización clandestina do galeguismo que protagonizan os homes da futura editorial Galaxia, escribe artigos de contido nacionalista para a prensa galega do exilio, que publica co pseudónimo Licenciado Pravio; traballa na redacción de varios proxectos ensaísticos e literarios; elabora guións de radio para o Galician Programme da BBC, onde traballaba como locutor Plácido R. Castro; e, por último, redacta a monografía Días, hechos y hombres de la Real Academia Gallega, que se edita en 1953 e en castelán, seguindo directrices da propia entidade, presidida nesa altura por un vello detractor das Irmandades e ex-alcalde coruñés en dúas ocasións, Manuel Casás Fernández.
Álbum Irmandades da Fala (Consello da Cultura Galega)

Grafo social