Velo Mosquera, Xosé, 1916-1972

Imaxe do autor Velo Mosquera, Xosé

Político galego, partidario da independencia de Galicia.
Fillo de Lino Velo Castiñeiras, que fora alcalde conservador de Celanova, e de Manuela Mosquera. En 1926 quedou orfo de pai. Nos seus tempos de estudante no colexio dos Escolapios fixo amizade con Celso Emilio Ferreiro, con quen a finais de 1932 organizou as Mocidades Galeguistas en Celanova, formando parte do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocidades Galeguistas (FMG). Foi elixido secretario xeral da FMG en abril de 1935 e o 24 de abril casa con Jovita Pérez González.
Tras a sublevación de 1936 contra o goberno da República, a Garda Civil detívoo o 21 de xullo, aínda que saíu do cárcere ao pouco tempo e o 14 de marzo de 1937 tívose que incorporar ao exército sublevado na División Acorazada Brunete ata 1938 no que volveu a Celanova e ao pouco tempo marchou á Guinea Española. Retornou tras finalizar a guerra e en novembro de 1939 abriu unha academia de ensino en Celanova. En 1943 trasladouse a Vigo, onde abriu outra academia, e debido a que mantiña contactos con organizacións da oposición galeguista no exilio a policía detívoo en 1944. Beneficiado por unha amnistía saíu do cárcere en 1945 e permaneceu durante un ano escondido preto de Celanova.
En 1948 fuxiu a Portugal, onde o detivo PIDE, a policía política portuguesa. Tras a súa posta en liberdade conseguiu saír cara a Venezuela, onde chegou o 9 de outubro de 1948. Ao ano seguinte uníuselle a súa familia, que mantivo traballando como profesor en academias e colexios privados e mesmo en 1959 foi profesor na Escola de Suboficiais do Exército venezolano.
Foi presidente do Hogar Gallego (1956) e participou no Primeiro Congreso da Emigración Galega que se celebrou entre o 24 e o 31 de xullo de 1956 en Bos Aires. Entrou en contacto co grupo da oposición española que dirixía Alberto Bayo desde Cuba, e participou na súa emisora de radio, Radio Claridade. Pero descontento coa actuación deste grupo organizou con membros da oposición portuguesa á ditadura salazarista exiliados en Sudamérica, como Humberto Delgado e Henrique Galvão e con outros galegos como José Fernández Vázquez (Jorge de Sotomayor), o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación en 1959.
Velo foi o cosecretario xeral xunto a Humberto Delgado desde xaneiro de 1960 e participou con outros membros galegos e portugueses desta organización na toma do buque portugués Santa María entre o 22 de xaneiro e o 4 de febreiro de 1961, que pretendía chamar a atención internacional sobre os réximes ditatoriais da Península Ibérica. Tras un acordo co goberno brasileiro, este recoñeceu a Velo e ao resto dos secuestradores como refuxiados políticos.
Estableceuse co seu fillo Víctor, que tamén participara na toma do buque, na cidade de São Paulo. En 1962 estableceu alí a librería Nós e en 1966 a Editora Nós, que tan só publicou unha tradución de Rosalía de Castro. En 1971 fundou a revista mensual "Paraíso 7 días", que só publicou 5 números, e o 31 de xaneiro morreu de cancro de pulmón.

Grafo social

Artigos