Ontañón, Eduardo de, 1904-1949

Imaxe do autor Ontañón, Eduardo de

Foi un escritor, xornalista e editor español, activo militante das vangardas artísticas dos anos 20 e 30, firmemente comprometido coa causa da República. Ao finalizar a Guerra civil exiliouse a México. Permaneceu neste país ata 1948, cando regresou a España.
Eduardo foi o fillo tardío de Jacinto Ontañón Arias, xornalista liberal, quen influíu poderosamente no seu fillo. Grazas a ser o vástago do editor e director do semanario satírico "El Papa-Moscas", con 13 anos puido facer o seu bautismo de letras publicando diversas letrillas. Herdou do seu pai corresponsalías e colaboracións nas que foi desenvolvendo o seu singular estilo zumbón e próximo ao popular. O seu compromiso social foise fraguando xunto ao carácter de axitador cultural que caracterizou o seu período burgalés: foi vicepresidente do Ateneo Popular, editou a impactante revista de vangarda "Parábola" (1923-1928), encabezou o faladoiro El Ciprés e prodigou a súa firma por unha infinidade de publicacións novas, literarias e xornalísticas de todo o país.
En 1935, Ontañón trasladouse a Madrid coa súa familia. O seu afán xornalístico e literario buscaban a proxección necesaria que outorgaban os medios da capital. O posto de redactor-xefe do semanario de sucesos "La linterna", pertencente ao grupo Estampa, foi o que lle permitiu asegurar un salario. Pouco despois integraríase na redacción da revista "Estampa". O fracasado golpe de estado de xullo de 1936 trouxo a colectivización de medios de comunicación que puxo a Eduardo de Ontañón á fronte de "Estampa", convertida xa nunha revista de guerra. Durante este período colaborou en cabeceiras da órbita do PCE, foi vicepresidente da Agrupación Profesional de Xornalistas de Madrid (vinculada á UXT) e dirixiu en Valencia a periódico "Verdad". Desavinzas ideolóxicas co PCE adiantaron a súa marcha a Barcelona, acompañado da súa nova esposa, a xornalista Mada Carreño. Un breve período na Cidade Condal, colaborando con medios como "Hora de España", deu paso á súa fuxida a Francia, sendo ingresado no campo de concentración de Saint Cyprien.
Do campo de concentración, Ontañón puido saír a Inglaterra, grazas á acción dos cuáqueros. Acollido, xunto a Pedro Garfias, por Lord Faringdon, puido volver a Francia, reencontrarse con Mada Carreño, e embarcar no famoso buque Sinaia que partiu de Sète o 25 de maio de 1939 e arribou a Veracruz o 13 de xuño.
En México renovou os seus esforzos literarios e editoriais colaborando con distintas cabeceiras.
En 1948, coa enfermidade aínda non delatada e unha seria crise matrimonial ao lombo, regresou a España, coa intención de publicar, infructuosamente, unha biografía sobre Mariano José de Larra. Foi un retorno triste e conflitivo, enfrontado aos medos, rexeitamentos e silencios que dominaron a posguerra. Acabou penosamente os seus días entre unha pensión e un sanatorio de Madrid, en 1949.
Wikipedia

Grafo social

Artigos