por Maside, Carlos
Ano XVI, T.VI (1934), n.122 ; p. 29
Foi un pintor galego. De mozo, os seus pais mandárono á escola dos mestres Gende e Trasmonte en Padrón, onde completou os estudos escolares e recibiu as súas primeiras ensinanzas artísticas. En 1913 faleceu o seu pai e Maside comezou a traballar nun almacén téxtil. En 1917 foi a Madrid para cumprir co servizo militar. Ao ano seguinte comezou a publicar os seus traballos na revista Vida Gallega.
Unha primeira experiencia vital destacada de Carlos Maside é o descubrimento de Galiza, acontecemento que está ligado a dous aspectos cualitativos importantes. En primeiro lugar, a toma de conciencia do feito galego verifícase en Maside desde a propia terra, en contacto cos homes da Xeración Nós e coa amizade de Castelao, sendo este a figura máis afín a el non só por razóns estéticas, senón tamén sentimentais e ideolóxicas. O segundo aspecto fai referencia ao momento histórico en que se produce tal descubrimento. Maside entra no mundo da cultura galega, na decisiva década dos vinte, nun tempo no que se aprecian modificacións substanciais na sociedade, cambios no mundo urbano e industrial, que xa nos permiten albiscar unha Galicia menos ruralizada. A Maside interésalle a Galicia da transformación: o mundo urbano, a imaxe do centro industrial vigués, as fábricas de conservas e os obradoiros de construción naval.
Unha segunda experiencia vital salientábel de Maside foi o descubrimento do marxismo. En El Pueblo Gallego, na viñeta diaria que fai, buscou formar criterios e crear actitudes e a consecución das liberdades para a súa terra, como o Estatuto de Autonomía de Galicia, no marco da legalidade democrática.
Unha terceira experiencia vital importante en Carlos Maside foi a de formar parte dun movemento de vangarda, que florece en Galicia durante os anos da Ditadura e da Segunda República, e que, está destinado á renovación artística e social. Os membros desta xeración, denominados Os Novos, emerxen como grupo xa cohesionado en torno ao diario El Pueblo Gallego, arredor de 1925.
En 1932 o espazo que enmarca a súa figura é de novo Santiago de Compostela, traballando enfundado en mono, con gubia e buril no seu estudio definitivo no número 42 da rúa do Vilar; viaxando ao Instituto de Noia para impartir clases de debuxo; conversando -ou xogando ao xadrez- nos faladoiros dos cafés composteláns.
A súa vocación non é soamente a de pintar, senón a de investigar e revelar. Prepárase na realización técnica e nos oficios. Estuda o gravado en madeira, augaforte e linóleo.
Maside é pioneiro na formación da Colección de Arte Contemporánea para o Seminario de Estudos Galegos, con pezas que os artistas entregaban como traballo preceptivo para ser membros numerarios; é vogal da Xunta Directiva da Sociedade de Amigos del Arte para o desenvolvemento das artes plásticas, entidade que fai uso dun escaparate, aberto sempre ao público, como lugar de exposición permanente; pola súa iniciativa, a directiva decide propoñerlle ao Concello de Santiago a creación dunha Biblioteca de Arte no Pavillón do Paseo da Ferradura.
Visita con frecuencia a Librería Niké, onde os propietarios non atenden criterios puramente empresariais, con frecuencia os clientes mercan libros segundo a súa dispoñibilidade económica. A editorial Nós, situada no número 15 da rúa do Vilar -fronte ao seu estudio- é outro lugar de encontro habitual, en torno ao grupo que se move xunto a Ánxel Casal para quen colabora con asiduidade.
En 1932, na vida intelectual compostelá, convivían dous parladoiros: o do café Derby e o do Español. No primeiro xuntábanse os galeguistas e profesionais de procedencia universitaria, e nel aparecía Ramón María del Valle-Inclán nas súas estadías temporais en Santiago, e tamén Carlos Maside que desfruta da amizade de varios contertulios e do escritor, de quen realiza apuntamentos e retratos do natural. O outro parladoiro, o do Café Español, caracterízase polo interese artístico e literario. Está formado por artesáns, empregados, estudantes e artistas. Moitos son republicanos e de pensamento filomarxista. No eido da plástica Maside exerce unha especial influencia, e Luís Seoane destaca como futura promesa. No Español xéstase a constitución dun grupo local do Comité Cooperación Intelectual. Convídase a varios poetas para pronunciar conferencias, e un dos escritores invitados é Federico García Lorca.
Colaborou a favor da Fronte Popular nas eleccións de febreiro. En abril de 1936 viaxou a Madrid para atender ao seu irmán Benito, enfermo. Asistiu á asemblea autonómica do 17 de maio en Compostela e participou na campaña publicitaria do Estatuto de autonomía con carteis, gravados e viñetas, pouco antes de que se produza o levantamento militar.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, a Maside, que impartía clases en Vigo, comunícanlle o seu cesamento como profesor e a inhabilitación para exercer a docencia, así como para participar en actividades culturais. Tentou facer unha exposición no salón de Faro de Vigo, pero foi clausurada por mandato gobernativo. Retornou a Compostela e recluíuse na súa casa estudio da rúa do Vilar. A Comisión depuradora franquista ditaminou sanción de separación definitiva da docencia.
En 1940 morreu o seu irmán Benito, e Maside alugou un novo estudio na zona vella de Vigo, onde mantivo unha relación moi estreita con Laxeiro. Formou parte do parladoiro do Derby e conviviu con Valentín Paz-Andrade, Francisco Fernández del Riego, Emilio Álvarez Blázquez e Darío Álvarez Blázquez.
En 1951 concorreu con varios cadros á exposición Artistas Gallegos, que organizaba o Centro Gallego de Bos Aires na sala Velázquez, na que Seoane leva o labor organizativo. Por medio de Paz Andrade, envía a esta mostra A sorte do paxariño, Tenda, A sesta, Dúas paisanas, Xardas e Costureira. En Compostela concorre ó histórico círculo do Café Español, onde coincide, na oposición ao franquismo: Otero Pedrayo, Borobó, Bouza Brey, Iglesia Alvariño, Benito Varela Jácome. A este parladoiro asisten con regularidade Ramón Piñeiro e García-Sabell, destacados membros da Editorial Galaxia, da que Carlos Maside foi elixido director artístico. Establece unha íntima amizade con Ramón Piñeiro por riba das nomeadas diferenzas ideolóxicas.
En 1957 a súa vila natal pretendeu renderlle unha homenaxe e dedicarlle unha rúa, pero nunha carta autógrafa que lle enviou ao alcalde refugou o ofrecemento. Ese mesmo ano morreu a súa irmá Maruxa, coa que convivía, e en xullo foi intervido cirurxicamente, aínda que continuou pintando e escribindo. Unido ideolóxica e afectivamente aos amigos exiliados, reclámaos para liderar o movemento intelectual. Rafael Dieste, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Antonio Baltar foron decisivos na denominación do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, na súa memoria.
Faleceu en Santiago de Compostela o 10 de xuño de 1958 despois dunha longa enfermidade. O colectivo da emigración fíxose eco da súa desaparición. A Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas do Centro Lucense de Bos Aires realizou un acto de homenaxe na súa honra no que interviron Rafael Dieste, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.
A súa obra ten unha fonda raizame galega que, debido ao percorrido vital deste artista, conxugou co cubismo, o realismo máxico e o expresionismo, polo que rematou sendo unha importante referencia para as vangardas pictóricas galegas
É a figura aglutinadora dos renovadores, fortemente vinculado a personalidades que reivindican unha nova realidade política e social para Galiza, como Castelao ou Rafael Dieste. É quizais o máis internacional do grupo, chegando a celebrar exposicións en Europa e América. Na súa formación artística cabe destacar a estadía en París, cunha bolsa para ampliar estudos por dous anos, de onde recibiu o influxo de Cézanne, Van Gogh e Gauguin. Así, quixo introducir as novas vangardas descubertas na cidade do Sena pero sen perder a identidade galaica.
Galipedia
por Maside, Carlos
Ano XVI, T.VI (1934), n.122 ; p. 29
por Maside, Carlos
Ano XVI, T. VI (1934), n. 130 ; p. 153-155