Martínez López, Ramón, 1907-1989

Imaxe do autor Martínez López, Ramón

Foi un filólogo e político galego.
Como estudante, participou na creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos. Colaborou en El Compostelano con artigos en galego e unha serie titulada Lambizos asinada co pseudónimo Xan do Cotón. Licenciado en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1927 e en Filosofía e Letras pola mesma universidade en 1929, comezou a traballar como profesor de secundaria de latín e lingua e literatura española en Eivisa, Vigo e Lugo. En 1931 estivo entre os fundadores do Partido Galeguista. Gañou en 1933 unha praza de profesor no Instituto español de Lisboa e, posteriormente, conseguiu a praza de profesor de literatura comparada na Universidade de Lisboa. En 1934 recibiu unha bolsa de investigación do goberno francés, e mudouse a París e en 1935 encargouse da organización do Salón do Libro Español.
En 1936 doutorouse en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid e accedeu aos postos de agregado cultural nas embaixadas españolas de Portugal e Francia durante a Guerra Civil española, como parte leal ao goberno democrático da Segunda República. Tamén estivo dando clase durante tres meses na Universidade de Alxer e logo loitou na fronte, pero coa derrota republicana marchou ao exilio en Francia, onde estivo nun campo de refuxiados, e logo a Arxentina.
Comezou a investigar no instituto filolóxico de Buenos Aires, baixo a dirección de Amado Alonso e en 1940 accede ao departamento de Linguas Románicas da Universidade de Austin, en Texas, onde realizará o seu labor de pescuda e docencia ata a súa xubilación en 1971. En 1950 consegue a cidadanía estadounidense e en 1959 a praza de profesor.
Os seus temas de investigación principais foron a literatura medieval en galego, e a el débense as edicións críticas modernas das Cantigas de Santa María, de Afonso X e da General Estoria, do mesmo autor. Traballou tamén outros campos da poesía medieval e contemporánea española (Antonio Machado) e da literatura portuguesa (Teixeira de Pascoais, entre outros), e publicou distintos estudos e artigos sobre literatura galega, tanto en galego como en inglés.

En 1971 regresou a Galicia despois da xubilación, e contribuíu na reorganización do galeguismo. Coa chegada da democracia recuperou as súas acreditacións como profesor de secundaria e foi reposto. Foi elixido académico da Real Academia Galega en 1976 e recibiu a Medalla Castelao en 1984, na data da súa instauración.
Galipedia

Grafo social