Lapa, M. Rodrigues, 1897-1989

Imaxe do autor Lapa, M. Rodrigues

Estudou na Universidade de Lisboa, onde se doutorou coa tese Das Origens da Poesia Lírica em Portugal na Idade Média (1930). Nese mesmo ano dirixe a súa atención para Galiza, e publica "Os vilancicos: o vilancico galego nos séculos XVII e XVIII", obra na cal estuda vilancicos nos que aparecen galegos aos recitar. Dous anos despois efectúa a súa primeira visita a Galiza.

Foi afastado da facultade de Letras en 1935 por motivos políticos e a súa oposición ao goberno de António de Oliveira Salazar. A partir de aí dedicouse ao xornalismo (dirixiu "O Diabo") e ás investigacións literarias. No ano 1935 edita na revista "Seara Nova" un número especial dedicado ao poeta Eduardo Pondal.

Foi encarcerado o 6 de xaneiro de 1949. En 1957 exiliouse no Brasil, onde deu clase en varias universidades, e onde realizou investigacións sobre o século XVIII en Minas Gerais. Regresou a Portugal despois do 25 de abril.

En repetidas ocasións volverá publicar sobre o galego e Galiza nos anos seguintes. En 1965, a súa edición das cantigas de escarnio e maldicir imprímese en Vigo. En 1973, Rodrigues Lapa publica un artigo na revista lisboeta "Colóquio / Letras", onde se proclama partidario de que o galego se escriba con ortografía portuguesa. O artigo reeditouse en Grial, o que provocou unha viva polémica, na que toman postura en contra intelectuais galegos, como Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro e Ramón Otero Pedrayo, ente outros; e a favor Valentín Paz Andrade, Ernesto Guerra da Cal, Ricardo Carballo Calero e outros.

En 1981 realizou a que sería a súa última visita a Galiza, para presentar un libro do seu amigo Carballo Calero. Por esta altura padecía xa problemas de saúde que dificultaban os seus desprazamentos. En 1989 falecería na súa morada de Anadia.

Grafo social

Artigos