por Fole, Ánxel
Ano XVII, T. VI (1935), n. 133 ; p. 10-11
Foi un escritor galego que escribiu en galego e castelán que cultivou todos os xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro e ensaio), aínda que debe a súa fama aos seus libros de contos, recollidos en catro volumes. Pertenceu, xunto a Álvaro Cunqueiro e Rafael Dieste, á xeración de escritores galegos formados antes da Guerra Civil. Estudou no colexio dos Pais Maristas, logo no Seminario e obtivo o Bacharelato no Instituto de Lugo en 1917. Na adolescencia descubriu os poetas románticos españois José de Espronceda e Gustavo Adolfo Bécquer e a partir de entón dedícase á lectura con paixón. Da literatura galega lerá pronto os poetas do Rexurdimento, fundamentalmente Rosalía de Castro e Curros Enríquez. Tamén se entusiasmará con Valle-Inclán e Antonio Machado. Álvaro Cunqueiro, compañeiro de instituto, foi un grande amigo seu. Iniciou a carreira de Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Valladolid, coa idea de facerse notario pero logo trasládase a Santiago de Compostela, ata 1933, sen chegar a obter a licenciatura por problemas económicos e tamén porque se interesaba máis pola literatura e a vida estudantil que polos seus estudos académicos. Comezou a dedicarse ao xornalismo, que non abandonaría nunca de todo. En 1931 inaugurou no xornal lucense "El Progreso" a serie "Cartafolio de Lugo", que se mantería ao longo dos anos. En 1932 funda e dirixe, tamén en Lugo, a revista literaria vangardista Yunque, na que se publicaron por primeira vez os poemas galegos de García Lorca. En 1933 converteuse en redactor do xornal vigués "El Pueblo Gallego", no que publicou o seu primeiro artigo en galego ao ano seguinte. Foi correspondente en Lugo da axencia de noticias Febus, máis tarde transformada en EFE. En 1936, comezada xa a Guerra Civil Española, continuou coa edición da revista compostelá Resol, o que lle supuxo un gran risco. Precisamente a causa da guerra non se chegou a publicar o seu primeiro libro de relatos "Auga Lizgaira", que estaba xa na imprenta para ser editado en 1936. O texto perdeuse e actualmente coñécense soamente dous dos seus relatos, que publicara na revista Nós, e un que aparecera en El Pueblo Gallego. Ao finalizar a guerra, opta por non se exiliar, igual ca outros escritores como Dieste, pero viuse sometido a un total ostracismo interior. En 1941 deixa Lugo para vivir no campo (Quiroga, Incio e a Serra do Caurel) e publica os seus dous primeiros libros de contos, "Á lus do candil" (1953) e "Terra Brava" (1955), e a peza teatral "Pauto do Demo" (1958). Os seus outros dous libros de relatos son "Contos da néboa" (1972) e "Historias que ninguén cre" (1981). A pesar do seu retiro ao campo, continuou colaborando na prensa. En 1953 retornou a Lugo, onde se establece definitivamente. Ingresou na Real Academia Galega o 5 de outubro de 1963, día de San Froilán (patrón de Lugo). En 1984, obtivo a Medalla Castelao. En 1997 dedicóuselle o Día das Letras Galegas e emitiuse un selo de correos na súa honra cunha caricatura de Siro López. Na súa narrativa, herdeira das de Álvaro Cunqueiro, Castelao e Otero Pedrayo, Fole presenta a xeografía dos lugares de montaña nos que viviu, así como os traballos, costumes, diversións, etc. dos seus habitantes a mediados do século XX. A lingua dos seus relatos recolle a fala popular e inclúe abundantes vulgarismos, hipergaleguismos e dialectalismos peculiares das zonas onde sitúa os feitos que conta. Os seus escritos achegan unha información etnográfica e antropolóxica fundamental do rural galego antes da chegada da mecanización. Galipedia
por Fole, Ánxel
Ano XVII, T. VI (1935), n. 133 ; p. 10-11
por Fole, Ánxel
Ano XVII, T. VI (1935), n. 137-138 ; p. 82-83