Álvarez Blázquez, Xosé María, 1915-1985

Imaxe do autor Álvarez Blázquez, Xosé María

Foi un escritor galego de poesía, narrativa e ensaio, arqueólogo, investigador e editor galeguista. Foi cronista oficial da cidade de Vigo desde 1976. É unha das figuras máis laboriosas da cultura galega, cunha grande actividade que vai dende a literatura (novela, poesía, teatro) ata a investigación como arqueólogo e a súa tarefa como editor e galeguista. Pertence a unha saga de escritores que ten os seus antecedentes no seu avó Emilio Álvarez Giménez, seguiu co seu tío Xerardo Álvarez Limeses e compartiu co seu irmán Emilio. É un dos representantes da poesía neotrobadoresca, vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á difusión en Galiza da lírica medieval galego-portuguesa. En 2008 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Fillo de Darío Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester, terceiro de seis irmáns, todos homes (entre eles Darío e Emilio Álvarez Blázquez), naceu en Tui, onde estudou o bacharelato, se ben nos veráns ía coa familia a unha casa de campo en Baión (Vilanova de Arousa). En setembro de 1931 foi vivir a Pontevedra para estudar Maxisterio, hospedándose na casa do seu tío, e padriño, Xerardo Álvarez Limeses e permanecendo na cidade até xullo de 1934. Alí funda en 1932, canda Xoán Vidal Martínez, a revista Cristal.
En Pontevedra amizou con Alexandre Bóveda, que casara cunha curmá súa. En 1933 comezou a militar na Federación de Mocedades Galeguistas, pasando en 1936 ao Partido Galeguista.
Tras rematar Maxisterio comeza a estudar Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. En 1935 é destinado provisionalmente como mestre á Guarda, e en 1936 foi trasladado á escola das Olivas en Tui. Logo duns meses, acadou o posto definitivo por oposición na escola de Coia (Vigo), se ben non chegou a tomar posesión por mor do Alzamento nacional.
Depurado por "tener actividades político-sociales de carácter separatista, ya que fue un elemento destacado en la propaganda del Estatuto gallego y en la preparación del plebiscito celebrado",foi desterrado a Coreses (provincia de Zamora). Mais en xaneiro de 1941 pediu unha excedencia para regresar coa súa familia, logo de que o seu pai, o médico Darío Álvarez Limeses fora encarcerado e fusilado o 30 de outubro de 1936.
Venderon a casa familiar en Tui e marcharon a Vigo de alugueiro, na rúa García Barbón.
Nesa época frecuenta no café Derry a compañía dos seus irmáns, do pintor Carlos Maside, Valentín Paz-Andrade, Laxeiro, Pedro Díaz, Mario González, Avelino Abilheira ou Luís Viñas Cortegoso. Con este último fundou en 1948 a librería Monterrey, que deu pé en 1950 á Editorial Monterrey.
O 17 de abril de 1949 fora nomeado membro correspondente da Real Academia Galega, na que ingresou en 1964 como membro numerario.
Fora nomeado comisario de escavacións arqueolóxicas do concello de Vigo.
En 1982 foi nomeado membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.
En 1964 fundou, xunto aos seus irmáns Álvaro e Emilo Edicións Castrelos, da que foi director xerente, e na que destaca a súa colección O Moucho, de libros do pobo pra o pobo, uns libriños de baixo prezo e gran difusión que marcaron época nos anos 60 e 70 do pasado século e que contaron cunha grande aceptación por parte dos lectores.
Na investigación literaria descubriu a égloga Belmiro e Benigno de Nicomedes Pastor Díaz.
Xosé María Álvarez Blázquez colaborou en diversos medios.
Galipedia

Grafo social

Artigos