Castillo López, Ángel del, 1886-1961

Imaxe do autor Castillo López, Ángel del

Foi un historiador e arqueólogo galego, cronista oficial da Coruña. Foi membro de varias academias, fundacións e institucións culturais de diversa índole.
Foi un erudito de tardía formación, pois non puido iniciar a formación universitaria até cumpridos os corenta anos. Gran parte da súa vida estivo adicada á docencia, exercéndoa na Escola de Comercio, academias particulares e a Universidade de Santiago de Compostela. En 1905 foi elixido membro adxunto da Real Academia Galega, integrándose coma membro numerario en 1927. En 1924 entrou a formar parte do Seminario de Estudos Galegos.
Militante de Acción Republicana, na República foi nomeado gobernador civil de Pontevedra o 22 de maio de 1932, permanecendo no cargo ata o 14 de setembro de 1933.
A súa achega á defensa, clasificación e preservación do patrimonio artístico galego é de grande importancia, destacando a súa obra "Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia".
Ademais, escribiu unha novela curta "A Dona das Torres, Lénda Galega"publicada o 22 de agosto de 1925 no número 12 da revista Lar. Trátase dunha lenda ambientada no século XV, con notas históricas e documentais que aumentan o atractivo da narración, transformándoa nun relato pseudohistórico.
Foi nomeado Cabaleiro da Lexión de Honra polo goberno francés en 1934.

Grafo social

Artigos