Pintos Fonseca, Luis, 1906-1956

Imagen del autor  Pintos Fonseca, Luis

Foi un pintor e gravador galego.

Iniciou a súa formación con Eduardo Rojas e con Carlos Sobrino Buhigas e Castelao, que estimulou o seu interese polo gravado. Colaborou como debuxante na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra (1923-1926), e en 1924 ilustrou Seara de Herminia Fariña e Os nenos (1925) de Filgueira Valverde. Empregou a linoleografía nas súas ilustracións para os xornais Galicia. Diario de Vigo e Faro de Vigo. Foi bolseiro da Deputación de Pontevedra e formouse durante tres anos na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. En 1929 instalouse definitivamente en Pontevedra, onde exerceu como docente desde 1931 na Escola Normal e na Sociedade Económica de Amigos do País. Exerceu como interino na graduada do Areal (Vigo) e en maio de 1934 foi nomeado mestre de Lusquiños (Tomeza). En decembro de 1935 foi elixido presidente da Asociación de Maestros Católicos e seguiu exercendo como mestre en Tomeza ata que en 1938 solicitou unha excedencia. Foi socio fundador da Casa del Maestro.

Ilustrou as revistas Cristal, Logos, Spes e Aturuxo. En 1931 foi directivo do Grupo Nazonalista Galego. Vinculado ao Partido Galeguista, participou nas campañas de apoio ao Estatuto de Autonomía de 1936, para o que realizou un cartel propagandístico.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado delegado de ensino na Junta Carlista de Guerra en setembro e o 18 de decembro integrou a comisión depuradora do maxisterio de Pontevedra. Afiliouse a FET y de las JONS logo da unificación. A finais de 1937 tamén exerceu como axudante numerario de debuxo no instituto. Comezou a carreira eclesiástica no mosteiro de San Xoán de Poio, onde foi ordenado sacerdote en 1947. En 1947 foi nomeado coadxutor en san Bartolomé e ao ano seguinte consiliario da Acción Católica masculina. En 1951 foi consiliario da rama feminina de Acción Católica da parroquia. Foi o principal impulsor da refundación da Semana Santa pontevedresa a finais da década dos corenta.

Influído por Carlos Sobrino, realizou excursións pictóricas en busca de novos motivos para as súas pinturas. Traballou tamén na realización de estampas, cunha certa tendencia á art déco. Entre 1944 e 1945 ilustrou a Guía Anuario de Pontevedra e as revistas Finisterre e Sonata Gallega.

Inscribiuse no ámbito da pintura paisaxística de tradición romántica. A súa obra caracterízase pola preocupación polos efectos lumínicos e atmosféricos a calidade e a importancia do debuxo e a ausencia de figuras humanas. A partir dos anos cincuenta dirixiuse cada vez máis a representar o eu interior, aínda que sempre a través da paisaxe, sendo moi meticuloso na realización.
Galipedia

Grafo social

Artículos