Lamas, Farruco, 1896-1980

Imagen del autor  Lamas, Farruco

Pintor de orixe ourensá, militante nacionalista e cabeza visible da Sociedade Nazonalista Pondal.

O pintor e militante nacionalista Francisco Lamas Barreiro naceu en Ourense o primeiro de xaneiro de 1896. Foi o único varón dos catro fillos que tiveron Amparo Barreiro e Francisco Lamas Salgado, propietarios dunha coñecida confeitaría da cidade. En Ourense, sendo aínda moi neno, comezou a asistir á escola e recibiu clases de debuxo de Juan Fernández Pérez, “Xesta”, estudos que continuaría na cidade de Bos Aires, a onde se traslada cos seus pais e irmás cando apenas tiña oito ou nove anos e onde vivirá a maior parte da súa vida. A comezos de outubro de 1920, o mozo Farruco ou Fuco Lamas, chega a Ourense coa vontade de cumprir coas obrigas militares e continuar os seus estudos pictóricos en Madrid. Debeu ser entón cando entrou en contacto coa acabada de fundar Mocedá Galeguista d´Ourense, onde cadraría con mozos como Antonio Cid Fernández e Leuter González Salgado, e cos principais membros do chamado círculo ourensán: Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas. Ingresa na organización e en decembro de 1921 anúnciase a inauguración dunha exposición coas súas obras no salón que a “Mocedá” tiña na cidade das Burgas.Como non podía ser doutra maneira, os homes que acababan de botar a andar a revista Nós convidárono a participar nas súas páxinas. No quinto número da publicación, aparecido o 24 de San Xoán de 1921, atopamos «Retrato ó carbón por Farruco Lamas», e apenas un ano despois, o 20 de abril de 1922, unha nova colaboración. Baixo o título «Luz nova - Onte e hoxe», a revista reproduce un novo debuxo a carbón que “figurou na Exposición feita en Ourense”. Neste mesmo número hai un longo artigo asinado por Euxenio Montes titulado «Na esposición Lamas. Confrencia inaugural» que foi lido polo propio Montes na inauguración da exposición ourensá. Nel lemos: “Eu penso qu´o máis grande acerto de Lamas, é buscal-o caraute cand´o individuo está n-unha pura posición espectacular”.

Ademais, en 1921, Lamas alentou a creación dunha Liga das Nazós do Norte d´Ibéria, e colaborou con diversas ilustracións en Céltiga, a revista que dirixían en Ferrol Xaime Quintanilla e Ramón Villar Ponte. Nos longos meses que pasa en Madrid, tras abandonar Ourense, participa da vida artística e cultural da capital e asiste ás reunións que Rafael Cansinos Assens organizaba no Café Colonial, onde tamén acudirá Borges, e ás do Café Pombo, con Ramón Gómez de la Serna á fronte.
En 1923 regresa a América e, a instancias de Ramiro Isla Couto, o seu futuro xenro, que tamén acababa de volver de Galicia, intégrase na delegación arxentina da Irmandade Nazonalista Galega, acabada de constituír seguindo as directrices do conselleiro supremo da ING galega, Vicente Risco. Ademais, participa como director artístico no seu voceiro, Terra. Idearium da Irmandade Nazonalista Galega n´América do Sul, a primeira revista escrita integramente en galego na emigración.

En 1926 participa na creación e primeira etapa de A Fouce. Periódico Galego, con Lino Pérez como primeiro director. A publicación, de novo integramente en galego, recolle boa parte das angueiras nacionalistas do noso biografado. No verán do ano seguinte Lamas figura entre os mozos que fundan a Sociedade d´Arte Pondal, unha agrupación cultural que procuraba crear espazos de encontro e reivindicación para as diversas correntes galeguista existentes no Bos Aires da época.

Tras o fracaso da ING, a Sociedade d´Arte Pondal transformarase na Sociedade Nazonalista Pondal, que Lamas presidirá a partir de 1930.

Foi tamén Secretario da Instituiçom Cutural Galega, conformada por arredistas arxentinos que realizan un importante labor apoiando economicamente o Seminario de Estudos Galegos.

Co tempo, Francisco Lamas abandonou a militancia política e traballou como director de arte do departamento de publicidade da Paramount Pictures. Morreu no Centro Galego de Bos Aires, que el mesmo axudara a organizar, con oitenta e catro anos, en 1980. 

Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega)

Grupo de actividades:
Ocupación:

Grafo social

Artículos