Herrera Garrido, Francisca, 1869-1950

Imagen del autor  Herrera Garrido, Francisca

Poeta e narradora, Francisca Herrera, nada nunha familia da burguesía acomodada, tivo a formación propia dunha muller do seu medio e do seu tempo. Determinantes para ela foron a obra e a figura rosalianas; parece que de nova coñeceu á escritora, a quen leu intensamente, e sería Murguía quen lle prologase o seu segundo poemario. Moi influída pola figura materna, a morte desta en 1909 intensificou a súa dedicación á escrita, de serodia materialización editorial. Tras perder, meses antes de casar, ao seu mozo por mor da tuberculose, Francisca instálase en Madrid, onde vivía a súa irmá Queta, casada e sen fillos, coa que estreitará lazos e coa que convivirá ata a morte. A guerra determina o regreso de ambas á Coruña, tentando fuxir da tensión capitalina. Coidando retornar nun futuro próximo, as irmás deixan atrás bens e o seu capital depositado nos bancos: nunca poderán recuparar nada, e iso determinará unha mudanza radical no seu modus videndi. Tras a guerra, vivirán moi modestamente grazas á axuda da familia e de Josefa, a criada de toda a vida, que coidaría unha horta e unhas galiñas para garantir a mantenza.

O 4 de marzo de 1945 a RAG elixe membro numerario a Francisca Herrera Garrido, sendo a primeira muller merecedora de tal distinción. Un mes despois a escritora xa tiña preparado o seu discurso de ingreso sobre Rosalía e os considerados "poetas da Raza", que lle envía ao presidente da institución o 4 de abril. Non obstante, ata 1947 a corporación non designou a Antonio Couceiro Freijomil para que lle respondese. Outros dous anos tardou este en preparar o seu texto, e a escritora falecería en 1950 sen que a corporación chegase a fixar a data do acto solemne de ingreso, aínda que a todos os efectos se considere que foi membro de número da institución. Igualmente sintomático da súa invisibilidade social é que non se teña constancia, nin siquera no espazo oficial que a RAG lle adica aos seus académicos, do día e o mes do seu nacemento.

A obra de Francisca Herrera xira arredor de varios eixos ideolóxicos: o seu conservadurismo e relixiosidade, o ruralismo, e a súa convicción de que a misión da muller era amar incondicionalmente, ata o extremo de xustificar toda renuncia e todo sacrificio, e de considerar a relación materno-filial como o ideal de vida. Como poeta, salientan os seus longos poemas narrativos, que a miúdo contan historias de mulleres aldeás arrequentadas con abundancia de detalles relativos á descrición da paisaxe e das protagonistas. Tamén cultivou un rexistro de formas máis breves, nas que se evidencia a influencia das cantigas populares e da súa admirada Rosalía.
Álbum de mulleres (Consello da Cultura Galega)

Grafo social

Artículos