Carré Aldao, Eugenio, 1859-1932

Imagen del autor  Carré Aldao, Eugenio

Foi un escritor en linguas castelá e galega, editor e libreiro galego, membro fundador da Real Academia Galega da que foi secretario de 1905 a 1906 e de novo, durante dez anos, de 1909 a 1919. Sucedeu a Andrés Martínez Salazar como Cronista oficial da Coruña.
Os avós paternos foron industriais cataláns que se desprazaran a Galicia a principios do XIX, para dedicarse á industria panificadora. O pai, Xosé Carré Batista, xa naceu en Galicia, onde casou con María Aldao Caamaño. Uxío estudou na Escola de Comercio da Coruña e dedicouse, nun primeiro tempo, á compravenda de coloniais, época na que casou con Purificación Alvarellos Pena, de Carballo, coa que tivo 12 fillos, entre eles os coñecidos Leandro, Uxío, Gonzalo e Lois Carré Alvarellos.

Ingresou na loxia masónica da Coruña en 1888, baixo o nome de Gutemberg, na que se dedicou a organizar axudas a traballadores enfermos, ata a súa disolución en 1891. Nese mesmo ano mercou na Coruña a librería de Andrés Martínez Salazar. Colaborou en Diario de Avisos, La Mañana, Las Noticias, El Mercantil e La Voz de Galicia da Coruña; La Idea Moderna de Lugo; Noticiero e El Independiente de Vigo e outros.
En 1893 mercou a imprenta de Domingo Puga, á que trasladou a librería. Nesta Librería Regional publicou 15 libros de autores ligados ó rexionalismo coruñés, como Eduardo Pondal (A campana d'Anllóns), Manuel Lugrís Freire (Noitebras, Escravitú) ou Francisco Tettamancy Gastón (Poesías). Cómpre destacar que 11 destas 15 obras estivesen escritas en galego, nunha proporción infrecuente na época.
Nos locais da librería foise creando un faladoiro galeguista que tería notable influencia na cultura galega, coñecido como a Cova Céltica, do que Uxío Carré era o principal animador. Ó redor do faladoiro reuníronse destacadas personalidades da literatura, da arte e da ciencia galegas, como Manuel Murguía, Lugrís Freire, Andrés Martínez Salazar, Francisco Tettamancy, Eladio Rodríguez González e Salvador Golpe, entre outros moitos, e tamén contou coa presenza ocasional de Emilia Pardo Bazán, Curros Enríquez ou José Leite de Vasconcelos. Os membros da Cova Céltica organizaron diversas campañas culturais, crearon diversas entidades e asociacións e xestionaron a fundación da Real Academia Gallega.
Unha das iniciativas da Cova Céltica foi a creación da Liga Gallega, en 1897, presidida por Murguía e na que tamén participou activamente Carré, cuxo obxectivo era "a defensa dos intereses morais, materiais, políticos, económicos e sociais de Galicia". Carré actuaba como editor e redactor do voceiro da Liga, a Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas, onde publicou colaboracións literarias, traducións e artigos de opinión. Simultaneamente, Carré comeza a publicar poesía en diversos medios periodísticos da época, como Galicia. Revista Regional, onde sae o primeiro poema de Carré en 1892.
En 1898 publicou un Catálogo de obras escritas en gallego, que foi a primeira bibliografía de obras galegas.
Foi tamén membro de Solidaridad Gallega, unha organización política rexionalista galega activa entre 1907 e 1912 que reunía a republicanos, tradicionalistas e os rexionalistas de Manuel Murguía e do propio Carré.
En 1905 foi un dos protagonistas da fundación da Real Academia Gallega. En 1926 foi nomeado polo concello da Coruña cronista da vila e bibliotecario municipal. En 1928, Carreras y Candi publican a Geografía General del Reino de Galicia, da que Carré é autor dos dous volumes que describen a provincia da Coruña.
Entre outros recoñecementos e distincións que foi recibindo ó longo da súa vida cómpre mencionar o nomeamento de membro correspondente da Real Academia de la Historia de Madrid, da sección galega da Real Academia Española, da Academia de Bellas Artes de Barcelona e da Comisión de Monumentos da Coruña.
En 1916 intégrase nas Irmandades da Fala, que acabaran de nacer nese mesmo ano. Comeza así a destacar o carácter político das súas colaboracións, tanto n' A Nosa Terra como noutros xornais, nas que se observa a evolución cara o nacionalismo.
Casado con Purificación Alvarellos Pena, tivo once fillos entre os que destacan Leandro, Uxío e Lois Carré Alvarellos.
Galipedia

Grafo social

Artículos