Carballeira, Johan, 1902-1937

Imagen del autor  Carballeira, Johan

Foi un xornalista e político español de tendencia galeguista durante a Segunda República. Foi detido e asasinado polos franquistas durante a Guerra Civil.
A transcendencia pública de José Gómez da Cova iniciouse en 1923, a través das páxinas literarias de Faro de Vigo, onde apareceron os seus poemas e narracións en castelán de estilo modernista.
A partir de 1927, co pseudónimo de "Johan Carballeira", iniciou as súas colaboracións co diario "El Pueblo Gallego" como correspondente do xornal en Bueu. Ese mesmo ano iniciou a súa amizade cos poetas e intelectuais novos da Xeración de Vangarda: Rafael Dieste redactor xefe do xornal, Augusto Casas, Correa Calderón, Fernández Mazas, Santiso Girón, Bal y Gay...
En 1929, despois de que as súas colaboracións fosen facéndose máis numerosas en seccións fixas, entrou a formar parte da redacción, iniciando unha carreira xornalística que lle converteu ao pouco tempo no xornalista novo máis importante da época en Galicia.
Ocupábase das entrevistas, xénero xornalístico entón novo en Galicia e do que Carballeira foi o verdadeiro iniciador. Merecen ser destacadas as entrevistas a Otero Pedrayo, Margarita Xirgu ou Colmeiro. Foron soados tamén as súas reportaxes (outro xénero inusual na Galicia da época). E, igualmente, o seu nome apareceu en gran cantidade de artigos de crítica literaria.
A súa fama xornalística chegou a toda España, e a partir de 1933, apareceu como colaborador de dous xornais madrileños: Luz e Ahora, e na revista Estampa. En 1935 era coñecido como o xornalista galego en activo máis importante da época.
Carballeira segue sendo hoxe en día un dos esquecidos da "Xeración galega de vangarda". A pesar do prestixio do seu nome e da obra na primeira metade da década de 1930, na actualidade é máis o que se descoñece del que o coñecido. As causas son moitas: a adhesión á República e ao galeguismo, a oposición ao levantamento militar de 1936, o seu xuízo e fusilamento, a dispersión da súa obra literaria, que nunca chegou a recollerse en libro e o carácter efémero do núcleo máis numeroso da súa labor, o traballo xornalístico.
En abril de 1935 entrou a formar parte da dirección do Partido Galeguista.
A intervención pública e directa na política non se produciu ata marzo de 1936, cando, tras a vitoria da Fronte Popular e a restauración dos concellos intervidos polo goberno anterior, foi nomeado alcalde de Bueu.
Non se sabe exactamente a data da súa detención (debeu ser en agosto de 1936). O escritor pasou os meses seguintes no lazareto da illa de San Simón, onde estiveron outros destacados intelectuais republicanos. A sentenza executouse o 17 de abril de 1937, a primeiras horas da mañá, no monte de Caeira, en Poio.
Wikipedia

Grafo social