Revista NOS

Debuxo da portada da revista Nós

“Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sae oxe Nós”

O30 de outubro de 1920 Galicia foi testemuño do nacemento dunha nova revista que saíu do prelo co significativo título de Nós: boletín mensual da cultura galega. Pero non foi unha publicación máis, Nós converteuse nun dos referentes da cultura galega do século XX, de tal xeito que resulta imposible imaxinar a Galicia de hoxe sen a súa contribución.

Debuxo dalgunhas casas con vexetación e cruces

“Oxe chegou á vida na nosa Terra unha xeración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega”

A revista pretendía reivindicar a cultura propia de Galicia a través do estudo científico e da creación literaria, superando os tópicos e o descoñecemento. Os traballos publicados en Nós serviron para establecer as bases da identidade cultural do noso país e para normalizar o uso do galego. A lingua é un dos elementos vertebradores de Nós, xa que a revista está integramente escrita en galego, desde os estudos científicos ata os anuncios publicitarios.

Para reforzar a idea de dignificación da cultura propia, buscouse un deseño gráfico que contribuíse a crear unha estética xenuinamente galega. Castelao, director artístico de Nós, é o creador da marca gráfica da revista, para a que utilizou elementos da cultura popular transformándoos en símbolos que nos identifican como pobo.

Elemento decorativo dun grupo de persoas que transportan un obxecto

“Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete”

Os escritores que se poden ler en Nós son do máis diverso. Temporalmente, os autores de máis idade representan a continuidade co Rexurdimento. Como alma da revista están os intelectuais do Grupo Nós en sentido estrito: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol,... Tamén participou nela unha xeración de autores máis nova (Fole, Bouza-Brey, Fernández del Riego,...) que continuaron a traballar para a cultura galega desde diferentes postos e lugares ata o cambio de século.

Ver a revistas

“Nós abre as suas páxinas a prestixiosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co'a sua colaboración”

A revista Nós, impulsada e dirixida por Vicente Risco, tiña como un dos seus obxectivos principais universalizar a cultura galega. Por un lado pretendeu difundir internacionalmente, sen intemediarios, o coñecemento científico e humanístico que se estaba a producir en Galicia. Por outro, a intención foi traer a Galicia as novas ideas que se estaban desenvolvendo nese momento en Europa. Para Nós foi fundamental dar a coñecer outras culturas que consideraron afines á galega, como a portuguesa, a catalá, a bretoa ou a irlandesa, que nese tempo estaba a converterse nunha nación independente.

Dentro desta tarefa de achegar outras culturas, Nós ofrece as primeiras traducións ao galego de obras contemporáneas (o Ulysses de Joyce, traducido por Otero Pedrayo), clásicas (as Elegías de Ovidio, traducidas por Avelino Gómez Ledo) ou medievais (De correctione rusticorum de Martín de Braga, traducida por Paulino Pedret Casado). Nós foi unha publicación multidiscipliar. Os colaboradores da revista escriben sobre todas as temáticas que afectaban a Galicia. En Nós pódense ler artigos sobre arqueoloxía, arte, literatura, filoloxía, etnoloxía, música, xeografía, dereito, entomoloxía,... A revista articúlase como un punto de encontro entre a ciencia e as humanidades que se estaban a producir en Galicia nas décadas 20 e 30 do século XX.

“Imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden”

“Os tempos son chegados...”. Os intelectuais que participaron en Nós sentiron que tiñan unha responsabilidade con Galicia que non podían eludir. O traballo ía a resultarlles duro, porque había moito que facer, pero non deixaron de estar inmensamente ilusionados coa tarefa de construír Galicia.

Elemento decorativo dun debuxo de gárgolas

Conmemoración do centenario de Nós

Amesma ilusión que estamos a poñer desde Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, cen anos máis tarde, presentando este grafo de coñecemento da revista Nós. Unha forma nova e visual de presentar os datos de todas as persoas, lugares, entidades e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus 15 anos de vida. Esperamos que esta representación do universo de Nós como un todo conectado sirva para comprender mellor este fito fundamental da nosa cultura e ese período fascinante da nosa historia.

“Nada mais. A todol-os que nos lean”
SAÚDE E TERRA

Elemento decorativo dun debuxo dunha parella labrega